xoves, 19 de febreiro de 2015

As transformacións da sociedade

É impresionante observar como foi cambiando, co tempo e co esforzo das persoas, a nosa sociedade. Na terceira clase vimos eses cambios tan grandes en diversos ámbitos: na roupa e a estética, nas tecnoloxías, no urbanismo e nos transportes, nas comunicacións. O que tentamos facer a partires dunhas imaxes foi decatarnos da evolución histórica que viviu a nosa sociedade.

A través do descubrimento dos cambios que se viviron, nós tíñamos o obxectivo de aportar ideas sobre o futuro, tanto nas comunicacións, nos transportes ou nas cidades.

Mirade os cambios que se poden apreciar nestas imaxes: 

Cidade Prohibida de Pekín (China)

Zona nova de Pekín (China)
Ou ben comparade as imaxes destes teléfonos (como ben dixo unha compañeira de clase, os novos teléfonos son todos con pantalla táctil):
Un dos primeiros modelos de "teléfono portátil"

Teléfono móvil actual
Algunhas ligazóns para reflexionar:

- O desenvolvemento tecnolóxico e a familia: clicar aquí
- National Geographic (en castelán), reportaxe sobre a evolución da dieta humana: clicar aquí

luns, 2 de febreiro de 2015

Proxecto Antropo, primeira sesión

A primeira sesión do bloque dedicado aos humanos aprendimos que as persoas "somos bioloxía e cultura mesturada". Por un lado somos un corpo con órganos, fluxos e tecidos con funcións vitais, "de carne e osos", como comentou un compañeiro. E por outra parte somos tamén sentimentos, pensamentos, imaxinación... é dicir, somos cultura.  

Falamos sobre a evolución das especies e vimos conceptos como a selección natural, a especiación, a adaptación, os procesos de extinción e a importancia da xenética e das mutacións. Ademais, tratamos de coñecer as diferencias entre as ideas de Darwin (un dos pais da ciencia moderna da evolución) e Lamarck, e achegámonos á relevancia da xenética (o libriño que temos dentro todos e que condiciona o noso cor do pelo, estatura, etc). 

Co obxectivo de completar o que aprendimos na clase, podedes consultar as seguintes páxinas web e documentos: 

- www.batanga.com é unha páxina moi variada que ten algúns artigos interesantes. Aquí podedes ver unha explicación sinxela sobre a evolución das especies

- "Darwin, la evolución de la teoría" é un cómic para as e os máis pequenos dedicado ás aventuras de Darwin nas viaxes que lle permitiron publicar o famoso libro naturalista "A orixe das especies".

- A páxina www.lainformación.com ten unha sección moi interesante dedicada á educación. Cómo entender el modelo de Mendel é unha entrada que ofrece uns contidos sinxelos e claros sobre unha temática que pode ser un pouco complicada. A xenética faise máis accesible! 

Herdanza xenética dominante

Visita á exposición sobre o lixo mariño da Fundación Barrié da Maza